Monday 06 de May de 2024

O Club Atletismo Brión Hyupersa Santiago será o primeiro equipo en cubrir os 200 km da carreira “The Speed Faros Project”


Os cinco atletas brioneses percorrerán por relevos os 200 km que unen o porto de Malpica e o Faro de Fisterra, seguindo o “Camiño dos faros” e establecendo o tempo a bater polo resto de participantes

O Club Atletismo Brión Hyupersa Santiago será o primeiro equipo en realizar a carreira por relevos “The Speed Faros Project”, douscentos quilómetros entre o Porto de Malpica e o Faro de Fisterra seguindo a coñecida ruta “Camiño dos faros”. Unha proba de trail que se correrá en relevos por equipos de toda Galicia integrados por cinco corredores.
O primeiro dos cinco atletas brioneses sairá este sábado 12 de setembro, ás 7:00 horas, do porto malpicán, para afrontar un percorrido de entre 10 e 12 km antes de ser relevado por outro compañeiro. Deste xeito, cada un dos cinco corredores percorrerá uns 40 km ao rematar a xornada en Fisterra, momento no que fixarán o tempo a bater polo resto de participantes.
Así mesmo, cada un dos 5 corredores estará acompañado por outro atleta do Club Atletismo Brión Hyupersa Santiago, que o acompañará durante a ruta.
Baseada na proba americana orixinal “The Speed Project”, unha carreira de relevos non oficial que vai dende Los Ángeles (California) ata As Vegas (Nevada), este ano nace “The Speed Faros Project”. A proba non ten regras nin sancións, nin hora de saía nin de chegada, nin premios, nin prezo de inscrición: só é preciso anotarse e indicar cando se vai facer a proba. O obxectivo é sinxelo: completar os 200 km da ruta Camiño dos Faros no menor tempo posible.
O patrocinador principal do club, o concesionario Hyupersa Santiago, colabora cedendo dúas unidades do novo Hyundai KONA eléctrico, que serviran de apoio durante a proba. Con estes dous vehículos de apoio eléctricos, o Club Atletismo Brión Huypersa Santiago reforza a súa aposta polo respecto ao medio ambiente e a sostenibilidade do planeta. Outro dos patrocinadores do club, OXYPRO, facilitará a suplementación necesaria para este arriscado reto e ademais prestará apoio asistencial durante todo o día.